09 junho 2008

Velaí a nau capitana...

1982

"...mesmo parece que o barco navega por entre os xelos xigantes que aboian no medio do mar coma illas, penínsulas, continentes enteiros á toa, na procura do paso cobizado entre os dous océanos"


Comezamos o verán, algúns dirán que queda un treito, mais para min comeza hoxe. Vou mercar un novo sol, un deses que non dan calor, deses que so serven de compaña, colgareino do ceo deste 2008 que levo tempo tragando coma un feixe de toxo.

Recollo as nocións clásicas sobre alquimia e os libros sobre laberintos, e neste pote de Gradel comezo a mesturar xa os primeiros elementos tentando repetir tempos estivais pasados á soma dos carballos na montaña lucense, cando aínda soaba algo baixo as miñas costelas. Voltamos ó papel para comezar e co papel penso rematar.

Fría Hortensia senta ó meu carón e ambolos dous escoitamos á rapaza a que por medo non me atrevín a dicirlle o moito que me lembraba a Leonor Watling, namentres vaime contando historias sobre corazóns engulidos por peixes, e sobre o meu avó cando dicía con ese acento cubano tan xeitoso -¡Dale quenque, chico, dale quenque!- e de súpeto, sinto que as cousas estan máis preto do que eu as vexo.

----------------
Now playing: Russian Red - Kiss My Elbow
via FoxyTunes