04 setembro 2009

O soño dunha noite de final de verán

Corvo

"Onte soñei unha vez máis...

Hai insectos a comerense pouco a pouco os mobles da habitación onde paso as noites nas que non durmo, cheas dos prodixios dos irmáns Lumière, a escuras, e a 25 fotogramas por segundo.

...No chan da cociña hai un corvo (cheo de medo) batendo lenemente as ás . Tento recollelo do chan cas mans (cun segredo medo) a que me manque, pero vexo cando miro os seus ollos, e sei que él tamén o ve cando olla os meus (o medo), e entón acouga...

Esta semana queimeime as mans varias veces. As queimaduras son as feridas máis curiosas, doen moito ó comezo e buscamos alivio a esa dor con desasosego e urxencia, (xeo e auga fría din os que saben). Logo a dor esváese e só cando tocamos a ferida nos lembramos dela. A marca física fica formando pústulas sobor da pel bermella. Creo que lembro o día en que decidín deixalas estar...

...Co corvo nas mans, abro a fiestra da cociña, fora unha branca gaivota repousa sobor do alféizar, nos seus ollos violencia, fereza e animadversión, dalgún xeito sei que ceibar o corvo suporá un dano terríbel para el, e non podo facelo...

...Nun Entroido cando era ben cativo, o fume de pólvora dun petardo queimoume a man. Pasei toda a noite chorando e queixándome sen parar, nin o pano con xeo, cheo de cores, puido aliviarme. E apertando o pulso ata deixarme sen circulación pasei a noite enteira sen durmir. O día seguinte só quedaba a marca, a dor desaparecera.

...Vexo unha vez máis o medo afundido na negrura dos seus ollos, e sinto como pasa a través de mín, fora as gaivotas estouran en berros que arrepían...

Entón esperto e decátome de que estaba a durmir.

"...Nobody said it was easy,/No one ever said it would be so hard./I'm goin' back to the start..."
----------------
Now playing: Coldplay - The Scientist
via FoxyTunes