17 agosto 2010

Día mundial dos blogues mortos

Pantallazo-1

21 de decembro de 2009 : á volta de praga. 23 de maio de 2010: a piques de facer os 27...salto temporal co que todo apunta ó peche.

Nesta supervivencia en Ubuntu Live nun ordenador que; cheo de virus, non quere cargar Windows, atopei hoxe a metáfora que xa me plantexara hai un tempo e vólvese recurrente hoxe. Se cadra falo de mi mesmo, desempregadísimo, con 13 kilos de máis, desconfiado de todo e todos, namorado pero impar, sen gañas mais que do burato na terra, a pedra de riba e un silencio que me deixe pensar.

Revisito o escrito dende o 2005, e atopo as mesmas augas nas que me afundo hoxe, e algunha novas, esperanzas postas onde non pagaba a pena, preocupacións por quen non as merece, e ideas que hoxe non se teñen en pé. Madurar ten que ser a capacidade de aceptar que hai algunhas cousas que tes obrigatoriamente que cambiar e outras que non poderás mudar endexamáis.

Chega xa de agardar que o mundo se poña a xirar do revés, de agardar que sexas quen de aturar a alguén máis de 48 horas seguidas, de agardar que che mude a voz, de agardar polo pequeno refuxio onde te agochar dos que non entenden nada por moi preto que anden, desa vida futura que te agarda trala porta que non queres abrir, por medo, a perder os cadáveres dos soños que xa apodrecidos arrolas ignorante...

Outros caeron polo camiño e xa non postean nada, eu agardo polo inverno, pola mesma historia, nostálxico, preguntándolle ó po en qué lugar lonxano naceron estes átomos tristes que me compoñen...

Non penso publicar nada máis ata que isto non cambie, nunca antes me sentira así: O único que quero é marchar, estourar ben lonxe daquí e comezar de novo sen mirar ó que foi... sexa o que sexa Ata sempre.
----------------
Now playing: Zahara- Pregúntale al polvo
via FoxyTunes