25 abril 2008

Vetusta morla



"Cando a vida non é dabondo sempre aparece a música..."

2008, boto conta e o anterior disco dunha banda española que merquei remóntase ao ano 1996 aquel "Parasiempre" co que Héroes dicían adeus. Onte asistin ó concerto que Vetusta Morla deron no forum da Fnac e penso que recuperei a confianza na música deste país.

Invertir 12,95€ en mercar esta pequena xoia é un auténtico pracer, mais o verdadeiro pracer é contar sempre con xente que cando un perde o norte, inventa unha estrela polar que seguir.

----------------
Now playing: Vetusta Morla - Año Nuevo
via FoxyTunes

15 abril 2008

O camiño verde a Xibalbá



"Los Güegüechos de gracia José y Agustina, conocidos en el pueblo con los diminutivos de Don Chepe y la Niña Tina, hacen la cuenta de mis años con granos de maíz, sumando de uno en uno de izquierda a derecha, como los antepasados los puntos que señalan los siglos en las piedras. El cuento de los años es triste. Mi edad les hace entristecer...

Hai dias que se sinten coma anos, a primeira vista semellan so 24 horas máis no devir de moitas outras. Aínda así un sínteos cheos de volume, constituidos puros en chumbo, coma o día do preso en illamento ou coma os que sentía o major Tom na odisea que Bowie cantou.

Mais debaixo da pel; posto que isto nunca se chega a ver, as células envellecen nun só intre. Todas elas esquecen as súas tarefas e coma nun déjà vu interrompen todo proceso vital, o tempo enton turra de nos cara ós anos futuros. Nada ten que ver coas viaxes ó futuro das que falan os filmes de ciencia ficción, tratase de pouco máis que dun lene movemento de aire, un empurrón dos elementos que nos compoñen cara algures. A visita non se pode medir en tempo e somentes achamos algo novo á volta: a certeza.

A certeza que non tes pero que terás. Enton enfrontaste a eles, os que din que debes loitar sempre cara adiante, mais un atópase canso de loitar e non desexa darlle movemento de mais ós ollos, nin traballo de mais ós oidos que escoitan á xenética temporal que célula a célula dende o interior dun mesmo remata dicindo que eles non coñecen o teu futuro.

...Allí vide a mi espalda el camino verde, a mi derecha el rojo y a mi izquierda el blanco. Cuatro Caminos se cruzan antes de Xibalbá...*
___

*Miguel Ángel Asturias
"Ahora que me acuerdo"
Leyendas de Guatemala


----------------
Now playing: Muse - Bliss /Sergei Rachmaninov - Etudes-Tableaux, Op. 33: No. 2 in C major: Allegro
via FoxyTunes

24 março 2008

Collage de camiños abertos



Cun collage de imaxes daríalle un soporte máis real ao post, mais a risco de ser máis Urizen desta vez que todo o Calci-Fer que fun estes meses atrais, voltarei ao silabeo sentimental.

Así pois comezo a letanía. O que queira seguirá unha a unha as contas deste Komboloi persoal que non colga do espello retrovisor de Nachete, senon da miña man.

Primeiro, as persoas: os dous que están sempre, xuntos ou separados, os que están lonxe, os que están mais lonxe, os que están demasiado lonxe, os que poñemos lonxe, e os que pasan unha semana lonxe pero deixan algo antes de marchar.

Segundo, as cousas: Un biscoito, "El arte de amar" de Jaime de Armiñán e Barcelona a través dos ollos de quen quere ser outra persoa cando esta moi ben así, unha caixa branca cadrada coma aquelas onde os gansters simulaban levar flores e onde agochaban as súas thompson, esta dispara rock'n'roll cheo de cores para logo deixar un remanso paz. Dous puchos a xeito de pinta de Guinness cos que apoucar un desasosego que duraba un trienio e unha gorra negra máis "divertida" que "ultra". E por suposto, quen ía crer que algo de cerámica pode facerche rir e devolverche un sorriso bitelchusiano cada vez que o ves.

Terceiro, os lugares: Centro Social, A Cova Céltica, Dúblin, A Rioja, Praga, Cork, Berlín, Madrid, Santiago suma e segue.

Cuarto, os feitos: Acelera forte forte forte, pon quinta, e un camiño aberto é o que che resta...

Cae o Komboloi, alguén dende o medio da escuridade acende un misto, de súpeto un milleiro de candís acéndense ao seu redor, algo comeza a camiñar, so entón a pequena bola de lume foi quen de dicir:

-Grazas-
-----------------

08 março 2008

1911-2008


97 anos semellan moitos, mais nunca son abondo coma para atopar a despedida axeitada. Quedar de golpe sen madriña e sen avoa fai medrar dobremente o óco.

Tristura,-¡alónxate de mín!-... 2008, Tés moito que mellorar nos meses que che restan... heime encargar de poñercho sinxelo...
----------------
Now playing:
Amy Winehouse-Tears dry on their own

26 fevereiro 2008

Capitulación a tres días de rematar febreiro



Son soños coñecidos, suores frías nas mañás e covardía no serán, son eu pisando o freo máis da conta, néboas, pernas, mans e beizos todos eles coñecidos e feitos lexión, un exército de lembranzas e pertenzas, preparados para a aniquilación. Mais aínda non comezan, sempre é peor a ameaza, coma os antropófagos que agardan o seu intre arredor dunha mesa dos que me fala Bergman.

Son eu puro sobresalto, e tomar alento é o único que me custa traballo. Levo uns meses mudando todo de sitio probando de novo reubicando o universo ao meu redor, cara adiante, sen tremor de mans e sen dar pasos cara atrais e de súpeto o Onirismo, "for the moon never beams whithout bringing me dreams...", volve poñerme todo do revés.

Permítome voltar e nun pequeno segundo: as ruinas de Tikal, agora son eu o que se pregunta: qué estas maquinando?, mudando nomes para fuxir unha vez máis sen por iso romper ningunha regra, "esta prohibido prohibir". Pode ser que todo soe igual porque no fondo é completamente distinto, podo bautizar todo cantas veces me pete, quizais o medo real se atope no feito de non sentir nada xa.

Dous tonos despois, comecei a me arrepentir e decateime de que xa non recoñecía nada do que se fora co furacán.

Confeso tamén que nunca me imaxinei a escribir esta carta resignada a tres días de rematar febreiro.
----------------
Now playing(in an eternal loop until the end of time):
Incubus-Anna Molly

15 fevereiro 2008

Parada obrigatoria



Cando saín do pavillón pensaba en todo menos no canso que me atopaba, demasiado cecais para un partido de fútbol-sala dunha hora. Andaba a trebellar na soidade dos días de antroido, nas viaxes, nos "Four days and nights of peace. I am getting so strong again that I hardly know myself..." do diario de Lucy, nas decisións por tomar referentes á vida laboral, única que me interesa hoxe por hoxe. Doutras máis susceptíbeis de ser analizadas nestas datas só me resta un lote por retornar a fábrica sen acuse de recibo.

Turrei case unha semana enteira, ata o xóves, cos tusidos e o cansazo, polo medio vin algo e merquei algo que che cambia a vida. Falaba no post anterior de escafandras sen saber da casualidade que estaba a sementar, de seguro unha muller que cumpre anos o mesmo día ca mín aproveitaría para besbellar -Eres un enfermo-... e hoxe tería máis razón que nunca. Retomando que do xóves só lembro un lusco e fusco onírico e a miña nai espertándome o venres para dicir pola mañá: -39.8º-. Para cando voltou a mediodía adquiríra xa un grado máis, como o bo viño en barrica. De cómo cheguei ó baño, Da ducha en auga xeada, dun lubrigante vermello con nome flotando pola habitación, da media hora no corredor de urxencias suando, do frechazo á primeira intravenosa co Augmentine e do resto do día en observación caseque non paga a pena extenderse moito.

Agora so resta pedir perdón polos cacharros que non puiden tomar co mallorquín visitante, polos tusidos a toda a familia a través do teléfono e polo absentismo da miña parte. E dar as grazas a Doutora Álvarez polos coidados e o cumprido.

O mellor de todo é que sei a ciencia certa que a parte do peito que me doe é a dereita.

----------------
Now playing: Bunbury-El viento a favor

03 fevereiro 2008

I will take no refusal...



Comezou febreiro, e un xa está buscando unhas vacacións das vacacións. Este ano chegarán.

Aborrezo este mes, mais non sei moi ben cal é o motivo. Hoxe vai frío e ando a cavilar que isto no que me atopo agora é o primeiro remanso de quietude antes de continuar a subida. Coa escafandra chea de bafo, facendo descompresión de tempo, decisións, xentes, ausencias e presenzas e do resto de cousas que ben ordenadiñas e comprimidas en Mp3 caben nun CD. ¡Non sexa que o peso produza queixas!.

Comentouse nunha soa semana que ando: ben cáustico, ben non-respondón, incordiante, insoportábel, raro,irascíbel e incluso desaparecido ... Será, será. Quizais sinxelamente o home invísibel quere ser invísíbel un chisco máis e os botes de pintura nos que meter o pé atópalos en calquer parte.

Os tiburóns se non avanzan, non poden respirar e morren, e os tiburóns pasan a maior parte do tempo sos. Hai presenzas que comezan a apagárense, e un pico de soidade percorre veas que hai tempo que non a sentían e que pronto se axeitan ao seu fluir coma se de vellos coñecidos se tratase. Asubían a mesma canción, levan o mesmo paso e en pouco tempo hancho marcar a ti.

Penso, namentres leo Dracula; por primeira vez na súa lingua orixinal; que aceptar ser un estúpido Jonathan Harker dentro do castelo deste perverso Dracula de 29 días é o mellor que podo facer. Polo que acatarei as advertenzas e non ousarei durmir noutro sitio que non seña a habitación da miña confianza.
----------------
Now playing: The Gathering-Bad Movie Scene